CONCENTRACIÓN 
hoxe martes día 16 ás 20 h. 
 Praza do concello en apoio do 
ATENEO FERROLAN
   Esta Xunta directiva da Asociación Veciñal de O Inferniño suscribe o   Manifesto e fai un chamamento a veciñanza co fin de participar na concentración convocada en defensa do Ateneo   Ferrolán
   O Ateneo Ferrolán convoca unha   CONCENTRACIÓN hoxe martes día 16 ás 20 h. na Praza de Armas para   esixirlle ao Concello que asuma os gastos de traslado e almacenamento do   patrimonio da entidade, logo da asemblea aberta celebrada o día 8 coas   diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural.
   Así mesmo enviamos o Comunicado consensuado ao   que xa hai adheridas diferentes asociacións e que aínda pódese asinar enviando   un correo electrónico a secretaria@ateneoferrolán.org.
MANIFESTO:
O mércores 17 de setembro, ás 11:30 horas, nos xulgados de Ferrol vaise celebrar un xuizo pola demanda da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo Ferrolán, reclamando o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do patrimonio do Ateneo Ferrolán co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. O traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira. O desenvolvemento das obras coincidiu co cambio de goberno municipal e rematadas éstas, o novo goberno do Partido Popular negouse a asumir o pagamento deste gasto, quedando o servizo prestado pola empresa impagado, o patrimonio do Ateneo retido, aumentando mes tras mes a débeda e dando, finalmente, lugar á reclamación da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo.
   Esta gravísima situación enmárcase nunha política de acoso ao   Ateneo por parte do grupo de goberno do Concello de Ferrol, que se ven   concretando no reparto do edificio que era sede do Ateneo Ferrolán (instalando   alí a outras entidades), no confinamento do Ateneo Ferrolán nos pisos terceiro e   baixo cuberta do edificio, na desaparición dos elementos identificativos do   Ateneo no exterior do edificio e da negativa a conceder calquera axuda económica   a Ateneo, mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos   municipais de moi diverso signo político.
  O Ateneo é   unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a   discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares   que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido   asociativo e das creadoras e creadores da cidade. Por outra banda, esta cultura   popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello   de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido. Unha   política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local,   que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois   permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a   través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios   municipais.
   Mentres   eles nos dan productos de consumo cultural de escasa calidade, nós   reivindicámonos como un pobo que foi, é e será sempre creador de cultura. Unha   cultura popular e na nosa lingua, unha cultura reivindicativa e rebelde, que o   tecido cultural desta cidade mantén a través de institucións tan sinaladas como   o Ateneo Ferrolán. Unha entidade que leva traballando máis de tres décadas na   nosa cidade, cun balance tremendamente positivo de actividades e de servicios   para a cidadanía, como o servizo de biblioteca e hemeroteca que aínda hoxe   continúa ofrecendo, malia que parte dos seus fondos están inadecuadamente   almacenados en contenedores nun polígono industrial.
Setembro 2014
--
ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
www : orosario-inferninho.blogspot.com


No hay comentarios:
Publicar un comentario