25.11.09

RESCATE DO FEIRON.-

O goberno comprométese a xestionar
o feirón do Inferniño desde xaneiro.
REDACCIÓN > FERROL
As continuas queixas da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño con respecto aos problemas que ocasiona a celebración do feirón deste barrio, o segundo sábado de cada mes, parece que chegarán ao seu fin ao asumir o propio Concello a xestión desta actividade a partir do próximo mes de xaneiro.
Así llo comunicaron as edilas de Mercados, María López, e de Seguridade, Sandra Ríos, aos representantes veciñais do Rosario nunha entrevista mantida en datas recentes.
Deste xeito, a asociación asegura ter o compromiso do goberno municipal de rescatar a xestión do feirón e relevar á outra asociación de veciños do barrio, Ensanche A, da xestión do mesmo e do cobramento das taxas, que serán pagadas anticipadamente polos feirantes semestralmente, tal e como establece a normativa.
Así mesmo, parece ser que dende ese momento farase cumprir a ordenanza municipal reguladora da venda ambulante no concello de Ferrol polo que se esixirá un cartón ou licenza de venda en lugar visible, con información sobre o tipo de mercancías, foto do propietario e sinatura do responsable municipal, que sereverá de garantía aos consumidores e usuarios.
A entidade veciñal espera que a promesa do goberno sexa unha realidade nun breve espazo de tempo na medida de que este feirón non quede nunha explotación oportunista senón que dispoña dunha convivencia ordenada e festiva para toda a veciñanza, tal e como se explica desde O Rosario-Inferniño.
A entidade veciñal xa denunciara en varias ocasións a permanencia de coches tras as cargas e descargas con invasión de beirarrúas, accesos á praza e pista así como a inexistencia dun plan de seguridade e vixilancia.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: