16.3.09

CONCURSO DE PRAZAS E ESPAZOS PUBLICOS.

O Concello recuperará para o cidadán cinco prazas públicas nos Ensanches co seu plan de humanización
Luns, 16 de marzo de 2009
O alcalde avanzou que un estudo de arquitectos local gañou o concurso de ideas para a reurbanización destes espazos.
A sede do Colexio de Arquitectos de Ferrol acolleu a presentación do proxecto gañador e tamén dos finalistas. O edil Ángel Mato subliña que as obras transformarán radicalmente un espazo dos 70 carente de áreas de lecer
A humanización dos espazos públicos da cidade é un obxectivo irrenunciable e un dos motores que guían a actuación do goberno municipal de Ferrol. E, no caso dos Ensanches, esa política tamén conta coa máxima da participación non só dos cidadáns e cidadás, a través das achegas realizadas polas entidades veciñais, senón tamén dos profesionais da arquitectura.
Así o constata o concurso de ideas aberto polo Concello de Ferrol para a reurbanización de cinco prazas públicas ubicadas nos barrios do Inferniño e Ultramar. Un concurso que formulou en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e ao que se presentaron 29 estudos. E, todos estes traballos se exporán na sede do COAG a partir do mes de maio.
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, daba conta o pasado 13 de marzo do resultado do mesmo en compaña do concelleiro de Urbanismo, Angel Mato, e da presidenta do COAG, María Fernández Lemos.
Por unanimidade, o primeiro premio recibiráo o proxecto presentado polos arquitectos locais Jorge Salgado Cortizas, Manuel Alonso Mosquera e María Alonso Mosquera. Na práctica, a súa proposta servirá de base para a a contratación dos servizos correspondentes á redacción do proxecto técnico -básico e de execución- e á dirección de obra para a reurbanización dos cinco espazos sinalados.
Así, a actuación conxunta prevista traerá consigo a transformación radical dun espazo que nace na década dos 70 cunha carencia grave: a ausencia de zonas de lecer.
E é que as ditas prazas se constitúen como puntos de confluencia de distintas rúas, invadidas na actualidade por isletas ou deseñadas como rotondas para regular o tránsito rodado.
Moi deterioradas no seu conxunto. Pero, ¿cal é o obxectivo das futuras intervencións?
Fundamentalmente, pór eses espazos ao servizo da cidadanía, convertíndoos en espazos de ocio, estancia e desfrute, que contribúan a incrementar a calidade de vida dos veciños e veciñas do barrio, ao par que se impulsa a actividade da iniciativa privada.
E, ¿cales son os espazos sobre os que actuar? Os seguintes:
-o primeiro, conformado por dous puntos de cruzamento e os extremos das rúas que conflúen, Río Mera, Río Xuvia, Río Eume, Castelo de Andrade e Mosteiro de Caaveiro, e cunha superficie aproximada de 3.150 metros cadrados;
- o segundo correspóndese co cruzamento e os extremos das rúas que conflúen, Fontaíña, Pintor Bello Piñeiro e Río Miño, de aproximadamente 2.360 metros cadrados;
-o tramo da rúa Pintor Bello Piñeiro diante da igrexa do Rosario xunto aos extremos das rúas Río Lérez e Río Castro, de 700 metros cadrados;
-o tramo con máis sección da rúa Río Castro e un tramo da rúa paralela, Fontemoura, unidos pola rúa Illa Herbosa, conformando un espazo en forma de H, e 1.825 metros cadrados,
-e o cruzamento entre as rúas Villa Soledad, Uruguai e Sartaña, actualmente unha glorieta, e cunha superficie de 2.220 metros cadrados.
En concreto, o proxecto asinado por Salgado Cortizas e os irmáns Alonso Mosquera profundiza na filosofía de reconvertir os espazos destinados ao coche en espazos públicos para o desfrute do cidadán. Nesa liña, a proposta elaborada e finalmente gañadora establece que o novo espazo recolla as incidencias da historia e algo da propia estructura do barrio dándolle sentido.
O proxecto, dentro do ámbito da intervención, formula a peonización da rúa Mosteiro de Monfero, limitando o acceso de vehículos a residentes, reparto de mercadorías e servizos de emerxencias (sempre en sentido descendente).
Para iso, realizaránse pequenos axustes na ordeación do tráfico rodado das rúas inmediatas. Estes axustes, segundo explicitan na memoria, permitirán á súa vez ampliar a beirarrúa da rúa Río Xubia (que soporta un fluxo importante de vehículos), e darlle continuidade a este espazo coa intersección das rúas Monfero, Castelo de Andrade e Forcadas. As zonas previstas para o aparcamento establécense na zona inmediata ó ambito da intervención.
Unha secuencia de plataformas horizontais, a primeira delas na beirarrúa da rúa Río Xubia, e outras tres que ascenden pola pendente da rúa Monfero, como naipes sobre un tapete, conforman as zonas de estar, o espazo restante, cunha pendente media do 6% destínase á circulación de peón e de tráfico rodado restrinxido.
O seu presuposto, algo máis de 411.000 euros, segundo a memoria presentada. Así mesmo, a proposta formula un patrón de intervencións que tamén servirá para os outros cinco espazos próximos.
As plataformas e os bancos proxectaránse en formación “in situ” de cor branca, o resto da superficie paviméntase cun adoquín rectangular de formigón de cor gris, acomodándose a dirección que a topografía do ámbito lle impón, permitindo á súa vez a implantación de arbolado con folla perenne.
O xurado estivo presidido polo alcalde, Vicente Irisarri, e integrado por Alberto Noguerol -arquitecto elixido polos aspirantes-, Juan Vila -arquitecto municipal-, Ángel Mato -en calidade de concelleiro de Urbanismo-, e a secretaria do COAG.
Así, os gañadores do concurso recibirán 4.000 euros, e o segundo e terceiro premios 2.000 e 1.000 euros respectivamente. Neste caso, as propostas seleccionadas estiveron asinadas por Felipe Peña Pereda e César de Jesús Otero Grille.

No hay comentarios: