25.9.06

Urbanización do Palco das Ánimas

URBANIZACIÓN DO PALCO DAS ÁNIMAS


* Chámase Palco das Ánimas á zona situada entre as rúas : Río Forcadas/Illas Gabeiras con Seselle e Río Xubia con Río Sil, sendo este espacio cualificado no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ferrol como PARQUE URBANA 14.

* Preto desta zona sitúase o que o que o PXOU cualifica como PARQUE URBANO 19, que se sitúa entre a vía do tren con rúas Río Sil / Río Xubia e Río Forcadas con Manuel Belando

* As Normas do Plan Xeral de Ordenación Urbana, no que atinxe aos parques e xardíns, literalmente establece :

Art. 119. Sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres

1. Comprende os espazos destinados a zonas verdes e espazos libres en solo urbano, de núcleo rural, urbanizable e rústico. Serán de uso público e estarán destinados a parques ou a xardíns para xogo de nenos, recreo dos cidadáns e mellora do ornato público. Cando fosen de extensión inferior a 5.000 m2 terán a condicións de xardíns.

2. Estes solos deberán en xeral acondicionarse con arboredo, xardinería, sendas, elementos ornamentais e outros elementos accesorios que non ocupen máis do 5% da súa superficie. Cando a súa extensión e características o permitan admitirán instalacións descubertas para a práctica deportiva ou edificios para o ocio, o recreo e a cultura sen que a superficie ocupada por estes últimos pase do 10% do seu ámbito. Estas instalacións ou construcións serán públicas e non limitarán ou interferirán a súa calidade vexetal nin as vistas. A altura máxima de calquera tipo de edificación será de 10 metros.

Nos espazos libres previse a posibilidade de implantación de aparcamentos subterráneos públicos, nas condicións previstas nestas Normas, sen prexudica-lo uso público en superficie, nin o carácter de dominio público do solo e subsolo.

Ó sistema de espazos libres entenderanse incorporadas as praias e areais do termo municipal, onde a súa utilización, e en xeral a do dominio público marítimo terrestre, virá regulada polo disposto no Título III da "Ley de Costas".

Art. 195. Compoñentes para o deseño dos parques e xardíns

Os compoñentes básicos dos parques e xardíns son os seguintes:

a) Xogos infantís: formados por elementos de mobiliario e áreas de area.

b) Xogos de preadolescentes: formados por mobiliario, áreas de xogos non estandarizados, áreas de area e láminas de auga.

c) Xogos libres: campos de xogos ó aire libre tales coma petanca, bolos, etc.

d) Áreas de deporte non regrado, para o exercicio informal de deportes, sen requirimentos dimensionais regulamentados.

e) Áreas de plantación e axardinamento.

f) Illas de estancia, lugares acondicionados para o repouso e lecer.

g) Zonas de defensa ambiental, mediante arboredo e axardinamento para a protección de ruídos e a retención de partículas contaminantes.

Art. 196. Áreas axardinadas.

1. Segundo a súa superficie deseñaranse cos seguintes elementos:

a) Superficie non maior de douscentos cincuenta (250) metros cadrados: contará con mobiliario urbano para repouso, e árbores en alcorque.

b) superficie maior de douscentos cincuenta (250) metros cadrados, sen supera-los cincocentos (500) metros cadrados:contará con superficies axardinadas illadas e arboredo de defensa, ademais das da dimensión anterior.

c) Superficie maior de cincocentos (500) metros cadrados, sen supera-los mil cincocentos (1.500): incorporará ós elementos da dimensión anterior os xogos infantís.

d) Superficie maior de mil cincocentos (1.500) metros cadrados sen supera-los tres mil cincocentos (3.500): incorporará, ós elementos da dimensión anterior, os xogos de preadolescentes.

e) Superficie maior de tres mil cincocentos (3.500) metros cadrados sen supera-los sete mil (7.000): duplicará, sobre os elementos da dimensión anterior, os xogos infantís e os de preadolescentes, e incorporará unha área de xogos libres.

2. Sempre que a súa disposición sexa posible instalaranse puntos de auga ornamentais, láminas de auga, áreas para xogos e ocio pasivo, superficie pavimentada para xogos de rodas, e plano de area drenada.

Art. 197. Xardíns

1. Os xardíns deseñaranse dando prioridade ós elementos ornamentais e ás áreas adecuadas para a estancia das persoas.

2. Dispoñerán de xogos infantís e de preadolescentes, planos de area e auga ornamental; o seu arboredo deberá manifestar os seus eixes e perspectivas; deberá contar con cultivos de flores. Non se dispoñerá espazo para deporte, nin sequera non regulado; e non se autoriza ningunha edificación.

Art. 198. Parques urbanos

1. Os parques urbanos, manterán unha primacía da zona vexetal extensiva sobre a acondicionada mediante urbanización.

2. Poderán formarse pola combinación de calquera dos compoñentes e elementos de axardinamento, sen perde-lo carácter de zonas de ocio, repouso e mellora da salubridade e calidade ambiental.

3. Poderá dispoñerse edificación só para usos de ocio e cultura cunha ocupación máxima do dez por cento (10%) da súa superficie e sen rebasa-la altura media da árbore de "porte-tipo" das especies próximas.

4. Os parques de superficie superior a tres (3) hectáreas contarán cos seguintes elementos: xogos infantís, xogos de preadolescentes, canles e fontes ornamentais. Deberán dispoñer o seu arboredo, preferentemente, en ringleiras.

* Desta normativa despréndese que a construción dun aparcadoiro sobre superficie ou unha praza pública dentro dos límites do terreo cualificado como Parque Urbano incumpriría claramente o PXOU, polo que sería preceptiva unha modificación do PXOU de Ferrol polos trámites legais, previa a execución de calquera dos proxectos anunciados pola Concellería de Obras en diferentes medios de comunicación o pasado día 5 dos correntes.

* A Xunta Directiva da Asociación Veciñal O Rosario- Inferniño, seguindo os acordos Asemblearios, acordou informar da postura veciñal que representa aos Concelleiros de Obras e Urbanismo, responsables municipais directos da Execución e o respecto ao Plan Xeral de Ordenación Urbana, que pódese resumir nos puntos seguintes :

- Aceptamos, por necesidades do evidente fracaso dotacional deportivo que supón o Pavillón do Ensanche, a construción provisional do aparcadoiro cuxo proxecto foi entregado pola Concellería de Obras a esta Asociación Veciñal nunha reunión anterior.

- Esta aceptación ben condicionada como xa se acordara na mencionada reunión, pola PREVIA REDACCIÓN DUN PROXECTO COMPLETO DOS PARQUES URBANOS 14 E 19 DO PXOU, PROXECTO QUE DEBERÁ VINCULAR DOTACIONALMENTE AMBOS ESPAZOS, COA FINALIDADE DE CREAR UNHA ÁREA VERDE DE ESPARZEMENTO PARA XOVENES E MAIORES.

- A execución deste proxecto non ten por que ser inmediata, pero CALQUERA INVESTIMENTO QUE SE REALIZE NO ÁMBITO SINALADO, A DE RESPEITAR DITO PROXECTO, O QUE SERVIRÁ COMO GARANTÍA DE QUE ESTE IMPORTANTE ESPAZO PÚBLICO DO NOSO BARRIO NON QUEDARÁ “HIPOTECADO” PARA O FUTURO COA EXECUCIÓN DE PROXECTOS “ELECTORALISTAS” COMO O QUE SE PLANTEXA NESTE MOMENTO DENDE A CONCELLERÍA DE OBRAS.

o A non aceptación destas propostas suporía que a Asociación Veciñal que represento estaría OBLIGADA A DENUNCIAR ANTE AS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E OS TRIBUNAIS COMPETENTES a presunta ilegalidade das obras anunciadas, CONVOCANDO Á VECIÑANZA A CANTAS MOVILIZACIÓNS FOSEN NECESARIAS PARA EVITAR A ESPECULACIÓN NOS ESCASOS ESPAZOS PÚBLICOS DO BARRIO.

Ferrol, a 12 de setembro de 2006

O PRESIDENTE

asdo.- Xosé Manuel SANXOAN CAAMAÑO.

Sr. Concelleiro- Delegado de Urbanismo do Concello de Ferrol.-

Sr. Concelleiro- Delegado de Obras do Concello de Ferrol.-

No hay comentarios: