15.5.14

Centro Comercial sen recepcionar e irregular.-


O edificio de Porta Nova está sen

recepcionar despois de 20 anos.

O alcalde alude a «problemas urbanísticos»

para os que busca solución.

Escrito por:
rocío pita parada
ferrol / a voz  15 de maio de 2014                                            
          



Iniciadas as obras de urxencia. A firma Hiperdeco comezou a colocar apontoamentos laterais para asegurar as paredes adxacentes á máis danada, desprendida parcialmente. A demolición cortando o muro exterior que dá á avenida de Viveiro custará 30.000 euros e prevese que finalice en días. Despois haberá que actuar en todo o perímetro, por un importe total de 326.000 euros. césar toimil
ADVERTISEMENT
Os problemas crecen no centro comercial Porta Nova. Case vinte anos despois da súa apertura, o edificio municipal está sen recepcionar polo Concello. É dicir, o Concello nunca chegou a realizar o trámite de verificación para comprobar se o inmoble se executou ou non de acordo ao recollido no proxecto e aos requirimentos municipais. Así o confirmaron fontes de goberno local e admitíao tácitamente o alcalde, José Manuel Rey: «Sei que hai problemas urbanísticos. Entendo que non está recepcionado». Con todo, o rexedor non soubo concretar cales son eses obstáculos nin por que no seu momento -o centro comercial comezouse a construír en 1994 e abriuse en novembro de 1995- a administración local non chegou a recibir a obra dun edificio municipal. Pero si asegurou que o seu equipo «está a traballar» para resolvelo.
 
Esta circunstancia non impediu que en todo este tempo o Concello teña actuado libremente nun edificio da súa titularidade. Preguntado sobre se o Concello reclamará responsabilidades por defectos construtivos no inmoble, tras o derrubamento parcial dunha fachada o pasado martes, argumentou que «non é a cuestión máis importante pedir responsabilidades por algo que se produciu hai anos».
 
Algunhas fontes aluden a que o centro comercial se atopa nunha situación urbanística «irregular» e «fóra de ordenación» con respecto ao plan especial que permitiu a construción da praza, do centro comercial e do aparcadoiro subterráneo na parcela que ocupaba o estadio Manuel Rivera. Estes problemas bloquearían sacar de novo a concesión a xestión de Porta Nova, rescatada polo actual goberno local.
 
Con todo, o concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, nega calquera irregularidade. E defende que o edificio cumpre co plan especial e o PXOM. «O único problema que hai é construtivo», defendeu en referencia ás deficiencias no muro exterior da fachada.
 
No entanto, sinalou que para intentar revitalizar o centro comercial proponse un novo deseño e unha posible remodelación dos espazos para aumentar a superficie, sempre ata o límite permitido, que podería requirir a modificación de volumes e unha modificación do plan xeral. Aínda que «se altere ou non a superficie, o máis lóxico é modificar o plan especial», dixo o edil.
 Evia incidiu en que o interior do edificio non corre risco algún.

- La Voz de Galicia.-


-- 

No hay comentarios: