Mostrando las entradas con la etiqueta Concellaría Medio Ambiente- Servizos. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Concellaría Medio Ambiente- Servizos. Mostrar todas las entradas

22.4.10

CONTROL DE POMBAS, GAIVOTAS, ESTORNINOS.

Medio Ambiente activa a campaña integral de

control poboacional de gaivotas e pombas .

· O goberno local anuncia a posta en marcha dunha liña telefónica cidadá para solicitar a revisión de tellados.
>

· Un equipo formado por ornitólogos e biólogos elaborarán un censo e retirarán os niños con custe cero para os veciños

Ferrol, 21 de abril de 2010.-
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de anunciar a posta en marcha da campaña integral de control poboacional de gaivota patiamarela, do estornino pinto e da pomba doméstica. Unha campaña que se inicia dende xa coa posta a disposición dos ferroláns do teléfono 981.94.41.60 e que precisa de xeito fundamental da implicación directa da cidadanía para o seu éxito, polo que o edil de área, Rafael Fernández Beceiro, aproveitou a oportunidade para facer un chamamento neste senso e animar a toda a veciñanza a alertar telefonicamente da existencia dos nidos.
Un equipo multidisciplinar da empresa Locus Avis levará a cabo o plan estratéxico, no que a supervisión correrá a cargo dun biólogo e a execución, de ornitólogos. As accións son moi concretas: elaboración dun censo poboacional; creación dun servizo de atención cidadá e un control de nidificación. Nesta liña, apuntou que a campaña do 2009 se pechou coa revisión duns 880 tellados e unhas 288 solicitudes veciñais reclamando este servizo.

O goberno local xustificou a necesidade de activar a campaña, gratuíta para os cidadáns, nos problemas e molestias que lle acarrea á poboación de Ferrol a presencia destas tres aves, así como pola súa irrupción en lugares ata o dagora vetados como era o entorno urbano. Explica que esas molestias veñen xeradas polo excesivo ruído das aves no periodo reproductor; en malos olores; no deterioro nos materiais de construcción sobre os que se instalan, ou na perda de imaxe para a cidade, na que edificios de importante valor histórico-artístico e patrimonial son ocupados especialmente por gaivotas.

Detectados os problemas, o goberno local apunta que os obxectivos marcados están claros: minimizar as molestias; atender aos cidadáns que realicen denuncias á concellería que dirixe, dándolles a solución máis adecuada en cada momento, e informar con rigor á opinión pública dos traballos que se estean a realizar en cada momento ao abeiro do dito plan.

Para conseguilos, o responsable de Medio Ambiente do Concello de Ferrol desgranou polo miúdo as accións específicas incluídas no proxecto. En primeiro lugar, elaboraráse un censo poboacional durante a época actual de cría. Localizaránse os lugares de nidificación no casco urbano, mediante o conteo directo de individuos dende puntos elevados da cidade. E, á información obtida, se lle sumará a recabada mediante as denuncias cidadás realizadas á concellería. Para facer efectiva a participación dos veciños e veciñas de Ferrol, Rafael Fernández Beceiro anunciou que se habilita, dende hoxe mesmo, un número de teléfono para este fin: 981.944.160 (en horario de 9 a 14 horas).

Unha vez recibidas as denuncias cidadás, os técnicos encargados do control poboacional se porán en contacto cos afectados para informarlles das posibles solucións ao problema e se concertará o antes posible unha visita ao inmoble. Nos casos máis comúns de molestias causadas por gaivotas, os técnicos en manexo de fauna desenvolverán nos domicilios as labores que permitan pór fin ou minimizar a causa que as produce. Especialmente, localizar os nidos e retiralos.

Por último e durante o control da nidificación, que temporalmente se desenvolve entre maio e agosto, os técnicos acudirán aos tellados onde se reciban denuncias da presenza de aves, así como a aqueles outros que non sendo denunciados vía municipal se constate ou sospeite tal extremo. Así as cousas, coa información da localización de edificios se pasará á acción concreta.

Para concluír, o concelleiro reclamou a colaboración cidadá para levar a cabo a campaña de xeito satisfactorio e destacou a problemática que pode causar a superpoboación de gaivotas na cidade naval: suciedade, tellados en mal estado e mesmo riscos sociosanitarios. Problemática que se pode atallar coa adopción de medidas como a retirada dos niños, dos ovos ou das crías presentes neles.
ferrol.es

24.6.09

NOVA ILUMINACIÓN PÚBLICA

O Concello aborda novos proxectos para

unha maior eficiencia energética


REDACCIÓN > FERROL


A zona do Ensanche A verase beneficiada do plan de eficiencia energética que, con cargo a distintos programas e subvencións, levará a cabo o Concello . Os proxectos sobre os que onte informou a edila de Medio Ambiente, María López, pretenden unha iluminación adecuada co menor custo.

A edila explicou que se recibiu unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia que aporta 54.534 euros dos 96.482 euros en que está valorada a primeira fase do Ensanche A, correspondente a rúas como Río Lambre, Pintor Pérez Villaamil, Río Xubia e Praza do Tronco, avenida da Paz, Alcalde Usero, Río Eume, Monasterio de Monfero, Publicista Saralegui , Instituto e Castelo de Moeche.

Nestas vías procederase á sustitución de lámpadas por luminarias modelo Etna, con receptor de aluminio e pechadura de vidro plano, que, ademais de ser máis eficientes e conseguir maior fai lumínico a menor custo, resultan máis modernas. Tamén se procederá á instalación dun único cadro de alumado e substituirase o cableado, eliminando os tendidos aéreos das calzadas, favorecendo o embellecimiento da cidade.

Esta primeira fase de mellora do alumado público na cidade completarase nos próximos meses con outros dous proxectos que serán financiados con cargo ao Fondo Estatal de investimento Local e ao Plan Urban.

Diario de Ferrol.-

18.1.09

NOVA ILUMINACION PARA O INFERNIÑO.

O Concello renovará a iluminación pública do Ensanche A con farois de menor consumo.

As obras mellorarán a iluminación, entre outras, da praza Río do Tronco.


L. P. REDACCIÓN > FERROL

O aforro enerxético chega á iluminación pública do Ensanche A.
Este barrio será, xunto co de Esteiro -nalgunhas rúas da parte antiga do mesmo o Concello xa procedeu á renovación das luminarias-, dos primeiros de Ferrol nos que levará a cabo a substitución dos actuais puntos de luz por outros de menor consumo e maiores prestacións.
Esta actuación afectará a toda esta zona do Ensanche, coa excepción da rúa Ourense, a avenida da Paz e da praza do Inferniño, que quedarán para unha intervención posterior.
A Concellaría de Servizos que dirixe María López adxudicou o pasado venres estes traballos, que suporán o cambio de case un centenar de luminarias.
Primeiro foi no alumado do Nadal, co uso de lámpadas con tecnoloxía led en lugar das de tipo incandescente ou halógenas que habitualmente viñan utilizando nestas instalacións, e agora o aforro enerxético chegará por fin aos barrios, empezando polo Ensanche A.
A empresa SICE encargarase de levar a cabo a substitución dos actuais farois que iluminan as rúas desta zona do municipio por outras de menor consumo enerxético.
Esta compañía foi a que presentou a mellor oferta das tres que optaban a facerse con este contrato. De feito, a súa proposta rebaixa en case 40.000 euros o prezo de saída fixado polo Concello, polo que finalmente os traballos executaranse por 96.400 euros, no canto dos 136.300 polos que foron licitados.
O plan de obra de SICE non altera, con todo, o tempo de realización da intervención estimada no concurso, que se mantén nos tres meses.
A Concellaría de Servizos e Medio Ambiente aprobou esta adxudicación o pasado venres. A responsable deste departamento, María López, aclarou que se trata dunha concesión temporal, posto que as outras compañías concursantes teñen quince días por se deciden presentar alegacións.
Unha vez vencido este prazo legal, o inicio da actuación será inminente, segundo apuntou a responsable deste departamento.
Novos farois -
Os traballos consistirán no cambio dun total de 92 luminarias por outras de fundición de aluminio, cun único foco, de 150 vatios de potencia e cun menor consumo enerxético. Unha vez que estas entren en funcionamento, o Concello estima que poderá aforrar ao redor dun 20% na factura da luz, por iso é polo que a concelleira de Servizos considere que máis que un gasto, estas obras supón un investimento para as arcas municipais.
Nesta liña, María López explica que a duración da luminaria e da lámpara é moito maior que nos equipos actuais, conseguíndose ademais reducir o consumo e mellorar as prestacións.
Pero ademais da instalación dos novos puntos de luz, a intervención inclúe a unificación e recolocación nun só dos cadros de control, a día de hoxe dispersos por varias rúas; así como nunha nova canalización eléctrica, que nalgunhas zonas será subterránea.
Respecto diso deste novo tendido, a responsable da área de Servizos subliña que estará preparado para poder acometerse calquera ampliación futura da iluminación a outros puntos do barrio.
Deste plan de aforro enerxético beneficiaranse un total de doce rúas do Ensanche A (Castelo de Andrade, Instituto, Río Xuvia, Río Mera, Río Lambre, Río Eume, Pérez Villamil, Pontevedra, Publicista Saralegui, Alcalde Usero, Ministro Patiño e Moeche), ademais da praza Río do Tronco e a de Segura Torrella.
Unicamente a rúa Ourense, a avenida da Paz e a praza do Inferniño quedarán á marxe desta actuación, posto que a renovación da iluminación pública destes lugares levará a cabo nunha segunda fase, en cuxo proxecto xa traballa a área de María López.
Destes tres últimas contornas, a praza do Inferniño, por ser un dos poucos espazos de estancia cos que conta o Ensanche, é prioritaria para o goberno.
A edila recoñece que este enclave presenta na actualidade unha iluminación deficiente, polo que necesita de un tratamento especial, que ademais de darlle máis claridade á praza evitará a contaminación lumínica.
Diario de Ferrol.-

3.9.08

MAIS SERVIZOS- LIMPEZA- PARQUES- ARBOREDO- CACAS DOS CANS...

O Concello anuncia un plan de choque para acondicionar as zonas verdes con 4.000 horas de traballo en 15 días mañás e tardes.
Mércores, 3 de setembro de 2008
A edil María López apunta como zonas prioritarias os accesos á cidade, taludes, rotondas e medianas.
A concelleira destaca a posta en marcha de equipos de limpeza móbil os sábados, domingos e festivos pola mañá.
A Administración local instalará unha serie de sanecanes para facilitar a limpeza viaria e evitar a polución canina.
A concelleira de Medio Ambiente, Servizos e Zona Rural, María López, anunciaba o luns o inicio do contrato de mantenemento e conservación das zonas verdes de Ferrol que, dende onte, presta a UTE San José- El Ejidillo.
Un contrato que contempla melloras por valor de 400.615 euros a executar no primeiro ano e que se pretenden facer visibles nun curto espazo de tempo. De ahí o arranque, a vindeira semana, dunha campaña de choque consistente en 4.000 horas de traballo en 15 días por parte de operarios que traballarán mañá e tarde. O seu valor, 112.916 euros.
María López explicou este dispositivo mellorará o arranque do servizo para acadar o bo funcionamento do mesmo dende o seu inicio.
Deste xeito e co obxectivo de peinar a cidade, a edil de Servizos avanzou que se incidirá na mellora de taludes -entre eles, no paseo marítimo de Caranza e na Avenida do Mar; na zona ubicada entre Adolfo Ros e a estrada da Trinchera, e no parque Raíña Sofía sobre a rúa Breogán-; priorizaráse o traballo en rotondas e medianas, e prestaráse especial atención aos alcorques que circundan as árbores. E, sobre todo, aos accesos á cidade.
Como exemplos, a Avenida das Pías ou o Paseo de Irmandiños. Así mesmo, María López destacou que o novo servizo permitirá que o Concello preste un mantenemento regular dos espazos que, por diferentes razóns, tiñan que acometerse puntualmente.
De feito, o radio de actuación se eleva a 720.426 metros cadrados, uns 200.000 metros cadrados máis.
O aumento responde a aquelas zonas recepcionadas polo Concello nos últimos tempos ou a aqueles espazos que o goberno municipal considera deben ser obxecto de mantenemento periódico, como o Castelo de San Felipe.
Así, entre outros puntos, se verán beneficiadas a rúa Adolfo Ros, o Paseo Marítimo de Doniños, a nova zona verde de San Xoán, o Polígono de Esteiro V Fase, a rúa Río Xubia, o Bosque dos Nenos, o Parque Torrente Ballester, a parte exterior da escola Antonio Escaño ou o Paseo de Irmandiños.
Isto é, zonas moi visibles e transitadas.
Nesta liña de mellora do servizo, a concelleira avanzou a posta en marcha de equipos de limpeza móbil os sábados, domingos e festivos pola mañá.
Así mesmo, o contrato inclúe 200 horas ao ano de asistencia técnica para a redacción de proxectos de xardinería a fin de mellorar as zonas verdes ou crear outras novas.
Un traballo orzamentado en preto de 13.000 euros e que executarán enxeñeiros superiores titulados.
Para procurar o bo estado de parques e xardíns, ao tempo que se facilita a limpeza viaria, se instalarán contenedores para a recollida específica de excrementos caninos, facilitando a posibilidade de retiralos e evitar así as molestias que producen ao resto dos usuarios dos espazos públicos.
Serán en total dez sanecanes que contribuirán a combater a polución canina.
Máis adiante, María López informou da próxima elaboración dun mapa de perigosidade do arborado viario para coñecer o nivel de risco das árbores e realizar as actuacións necesarias, establecendo niveis de urxencia e atención.
Contitúese un método de prevención e xestión do risco que permitirá controlar a poboación de arborado.
Por último e no tocante a investimentos, se destinará a cantidade de 215.988 euros para os dous anos do contrato, o que supón un 11% do canon anual do mesmo.
Isto é, 1,2 millóns.
O seu destino, mellorar de xeito substancial o Cantón de Molíns.
C. Servizos.-

OFICINA SERVIZO DE BICICLETAS - OFICINA DAS PIAS.


O servizo público de aluguer de bicicletas contará con oficina propia no barrio do Inferniño.
Mércores, 3 de setembro de 2008
O edil de Facenda, Promoción Económica e Emprego, Ramón Veloso, avanzou onte que “Ferrol en bici”, o servizo público de aluguer de ciclos de Ferrol contará con oficina propia no barrio do Inferniño.
Deste xeito, os usuarios disporán dun punto de referencia no que tramitar as súas altas e incidencias ou solucionar as súas dúbidas.
Concretamente, ese servizo se prestará na antiga oficina de turismo emprazada en Portanova, unhas instalacións que, dende hai uns meses, permanecen en desuso despois de que o Concello abrise a Oficina Municipal de Turismo no centro histórico.
Nesta liña, a edil de Medio Ambiente, María López, destacou que a cesión deste local para Ferrol en bici -asunto tratado hoxe na comisión de Facenda- permitirá impulsar aínda máis o uso da bicicleta como hábito saudable e tamén como medio de transporte alternativo.
Lembrou neste senso que o servizo, gratuito grazas á colaboración do Inega, xa conta con máis de 3.000 socios.
Así mesmo, María López lembrou que o barrio do Inferniño será tamén o escenario no que se ubicará a cuarta estación dispensadora de bicicletas. Así se decidiu por votación popular a través dunha enquisa na web municipal.
Por último, apuntou que, ata a data, os interesados en sumarse a este proxecto no que Ferrol foi pioneiro tan só teñen que achegar a folla de inscripción debidamente cumprimentada e fotocopia do DNI ou documento acreditativo da persona solicitante na oficina de turismo de Curuxeiras. Asemade, a entrada en funcionamento da web municipal (www.ferrol.es/ferrolenbici) facilitou aínda máis os xa de por si sinxelos trámites para acceder a este servizo gratuito.
Respecto dos requisitos, a responsable da política medioambiental recordou que se deben superar os 18 anos ou os 16 e contar con autorización do pai, nai ou tutor.
En todo caso, tamén aceptar as normas de uso. Unha vez inscrito, se lle facilita ao usuario unha tarxeta identificativa de acceso ao servizo, con carácter persoal e intransferible.
Tarxeta coa que o usuario pode desprender a bicicleta da estación.
C. Servizos.

9.8.08

XUNTANZA COA CONCELLERA DE MEDIO AMBIENTE-SERVIZOS-MERCADOS



REUNION SERVIZOS- PARQUES- MEDIO AMBIENTE


A Xunta Directiva da Asociación Veciñal O ROSARIO INFERNIÑO, mantivo esta pasada semana unha reunión coa Concelleira de MEDIO AMBIENTE, SERVIZOS, PARQUES , MERCADOS, para tratar varias demandas veciñais do barrio do Inferniño.


PARQUES E MEDIO AMBIENTE.

Informa que está en proxecto o PARQUE URBANO no senso de que as casas están expropiadas, que está a espera de recibir os informes do HUMIDAL. Insistimos que esperamos do goberno todo o seu empeño para a RECUPERACIÓN DESTE HUMIDAL xa que denunciamos a súa utilización como escombreira.

Estamos pendentes de que o IBADER da universidade de Compostela envíe os estudos definitivos deste humidal.


PRAZAS E SERVIZOS.- - Como demanda habitual reivindicamos unha vez máis a necesidade dunha remodelación total da Praza do Inferniño.

- Repoñer e aumentar nuns vinte bancos na Praza do Inferniño e no seu entorno.
- Aumentar as papeleiras no Inferniño e mellora de todo o mobiliario dos espazos público.

- Comunícanos que van chegar unha partida de dun milleiro de papeleiras para a cidade.
- Repoñer as arbores (baixas).
- Control dos CANS que andan na Praza do Inferniño.

Comunica que o chamado TREBOL, dentro da Praza do Inferniño, vai ser substituído por unhas instalacións de deporte BIOSAUDABLE.


SERVIZOS DE LIMPEZA

- Demandamos que o Concello acorde coa Empresa concesionaria un SERVIZO DE LIMPEZA DIARIO.

Emprazamos ao Concello a cambiar os CONTEDORES actuais e substituílos por uns contedores máis grandes xa que os existentes son pequenos e insuficientes.


SERVIZO DE PRESTAMO DE BICICLETAS.

A Directiva expresámoslle nosa satisfacción pola decisión de implantar no barrio do Inferniño o PRESTAMO DE BICICLETAS, que coincidimos en situar as instalacións preto de noso futuro local social.

Reivindicamos a necesidade de implantar un CARRIL- BICI na Estrada de Castela como complemento deste servizo para unha maior seguridade dos usuarios.

PISTA DEPORTIVA


Lamentamos o estado de abandono da PISTA DEPORTIVA da Praza do Inferniño, estamos determinados a realizar medidas de presión social para que este lugar dispoña das mínimas condicións exixibles para unha boa practica deportiva dos nenos/as.


MERCADOS


Preguntamos polos avances realizados no FEIRÓN DO INFERNIÑO, que esta catalogando os vendedores e adaptando unha nova ordenanza para adecuar este feirón para finais de ano.

- Infórmanos a Concelleira que esta en proceso de contratación de persoal de xestión e control sanitario


Ferrol a 31 de Xullo de 2008.


A PRESIDENTA O SECRETARIO


Asdo. Ana J. LOPEZ DÍAZ asdo. Xosé M. SANXOÁN CAAMAÑO

22.7.08

SERVIZO DE PRESTAMO DE BICICLETAS NO BARRIO DO INFERNIÑO.


O Concello creará a cuarta base para alugar bicis no Inferniño, con 21.000 euros de investimento .
Unha nova base para o aluguer gratuíto de bicicletas en Ferrol instalarase antes de fin de ano no barrio do Ensanche A, na zona do Inferniño, segundo confirmaron onte fontes municipais.
O departamento de Medio Ambiente que dirixe a socialista María López abrira fai uns meses unha enquisa en Internet para saber que lugar era o preferido polos usuarios para situar ese servizo.
Por máis do 50% dos votos, o lugar escollido é O Inferniño, medida que aplaudiron entidades sociais como a organización veciñal O Rosario.
Será a cuarta zona para rentar, de forma gratuíta, unha bicicleta e poder desprazarse pola cidade.

O Concello ten xa un orzamento de 21.000 euros para habilitar 12 bicicletas, cun soporte idéntico ao xa colocado no campus de Esteiro, no porto e en Caranza.

Máis de 3.300 usuarios.

O aluguer de bicicletas revelouse como un dos servizos cun maior poder de convocatoria entre os cidadáns. Conforme aos últimos datos que manexa o Concello, hai xa máis de 3.300 usuarios inscritos para poder acceder ao servizo, cun tempo de utilización medio de 50 minutos.
A estación con máis gancho é a do peirao, cunha media de 20 bicis usadas por xornada; séguenlle Caranza (17,3) e Esteiro (16).
Un 84% dos usuarios son de Ferrol. O resto dos inscritos, case 600, doutros municipios da comarca e Galicia (A Coruña ou Santiago).
Para mellorar o uso da bici está previsto incrementar a extensión do carril bici.
La Voz de Galicia.-

16.7.08

SERVIZO DE PRESTAMO DE BICICLETAS NO INFERNIÑO

O barrio do Inferniño acollerá a nova estación do servizo de aluguer de bicicletas.

CARLOS CARBALLEIRA

O barrio do Inferniño resultou seleccionado por votación popular como o mellor emprazamento para albergar a nova estación de aluguer de bicicletas.
Así, a edil de Medio Ambiente, a socialista María López, subliñou a alta participación rexistrada: máis de 40.000 persoas votaron na enquisa que o Concello poñía en marcha o 28 de maio.

Tratábase de escoller entre os tres emprazamentos posibles que resultaban do estudo inicial de mobilidade elaborado polo departamento que dirixe a edil de Medio Ambiente, e que eran a estación de autobuses, a praza de Galicia e a que resultou finalmente seleccionada.
As porcentaxes: casi o 60% dos internautas votou a favor do Inferniño; o 38% por situala na praza de Galicia e tan só un 3% por que a nova estación dispensadora se localizase na Estación de Autobuses.

Así as cousas, María López destacou a implicación da cidadanía ferrolá a prol do uso de medios de transporte ecolóxicos. Nesta liña a concelleira recordaba que dende que se puxera en marcha esta iniciativa pioneira en Galicia, a mediados do mes de setembro, máis de 3.000 persoas se deran de alta no servizo.
Para isto, tan só é necesario achegar a folla de inscrición debidamente cumprimentada e fotocopia do DNI ou documento acreditativo da persona solicitante na oficina de turismo.

Asemade, a entrada en funcionamento da web municipal www.ferrol.es/ferrolenbici facilitou aínda máis os xa de por sí sinxelos trámites para acceder a este servizo gratuito.

Requisitos .-
Respecto dos requisitos, a responsable da política medioambiental recordou que se deben superar os 18 anos ou os 16 e contar con autorización do pai, nai ou titor. En todo caso, tamén aceptar as normas de uso.
Unha vez inscrito, se lle facilita ao usuario unha tarxeta identificativa de acceso ao servizo, con carácter persoal e intransferible. Tarxeta coa que o usuario pode desprender a bicicleta da estación.
Por último, e dentro das obrigas do usuario, caben destacar as seguintes: facer uso do servizo e da bicicleta coa máxima dilixencia, non cedela a terceiras persoas, e utilizala exclusivamente para o transporte personal e dentro do casco urbano do termo municipal.

A nova estación que se emprazará no barrio do Inferniño se sumará ás tres existentes: Caranza, Esteiro e o peirao de Curuxeiras.

Por último, María López destacou que, coa posta en marcha deste servizo, os usuarios van ter a oportunidade de coñecer a cidade dende outra perspectiva, máis amable e tranquila e lonxe das présas e os agobios do tráfico rodado.
Diario de Ferrol.-

9.7.08

OBRIGACIÓNS COS ANIMAIS DE COMPAÑÍA- CANS E GATOS

O Concello repartirá gratis 81.000 bolsas para a recollida de excrementos de animais de compañía.
Mércores, 9 de xullo de 2008
A edil María López apuntou que as bolsas entregaranse en todo os barrios do Concello polas entidades veciñais.
Recordou que a ordenanza municipal establece a obligatoriedade de recoller as deposicións da vía pública.
A concelleira de Sanidade e Mercados, María López, anunciou onte a posta en marcha dunha campaña para concienciar aos propietarios de animais de compañía da necesidade de recoller da vía pública vos excrementos dás súas mascotas.
Para iso, López explicou que o Concello iniciará a repartición de 81.000 bolsas hixiénicas.
A concellería entregará as unidades ás entidades veciñais de todo ou termo municipal, apuntou a edil, para que sexan estas as encargadas de repartilas entre vos residentes dous distintos barrios.
Nesta liña, María López apuntou que a medida permitirá que os cidadáns e cidadás de Ferrol cumpran coas ordenanzas municipais de tenencia de animais domésticos e de parques e xardíns, e eviten así as posibles sancións por incumprila.
Así as cousas, a concelleira de Sanidade apuntou que nas mesmas indícase que son os propietarios de cans e gatos os responsables de recoller convintemente os excrementos mediante o emprego de bolsas de plástico ou papel ou recolledor especialmente indicado.
Tamén de depositalo nos colectores.
A dita norma establece así mesmo a prohibición de deixar as deposicións fecais nas vías públicas, en zonas verdes e en xeral, en calquera lugar destinado ao tránsito de peóns, engadiu a concelleira.
Nesta liña, María López recordou que a ordenanza contempla sancións para aqueles que a infrinxan: unha multa económica que podería oscilar entre os 30 € e os 300 euros.
A responsable en materia sanitaria do Concello ferrolán explicou que se da cumprimento así ás numerosas queixas recibidas no departamento que dirixe respecto a proliferación deste tipo de suciedade en numerosas zonas da cidade.
Asemade, explicou que se decidiu o seu repartición a través das Asociación de Veciños porque están en permanente contacto cos residentes dous diferentes barrios e porque moitas das queixas tramitáronse de feito a través das propias entidades.
Así mesmo, María López avanzou a súa intención de converter esta iniciativa nunha campaña permanente no tempo, a través do subministración periódica das bolsas entre a cidadanía.
Ter un animal doméstico entraña responsabilidades e facerse cargo do seu coidado, alimentación e hixiene, declarou a edil, quen engadiu que co repartición facilítase o desenvolvemento deste deber dos donos de animais de compañía.
Finalmente, María López recordou que a mesma ordenanza establece a obligatoriedade de levar aos cans con correa, colar e debidamente identificados nos seus desplazamentos pola vía pública.
Tamén deberán circular con buceira todos aqueles cans potencialmente perigosos, dacordo coa súa natureza e características.
Concellaría de Servizos

5.7.08

A CUARTA TERMINAL DE BICIS : O INFERNIÑO




A cuarta terminal de bicicletas de aluguer, que o Concello habilitará tras o verán, xa ten localización:
O Inferniño.



A Concellaría de Medio Ambiente e Servizos, responsable do programa Ferrol en bicicleta, respectará a vontade das persoas que maioritariamente se decantaron por este emprazamento fronte aos outros dous propostos desde este departamento: a praza de Galicia e a estación de autobuses.

O departamento que dirixe María López (PSOE), deu a opción de que fosen os propios veciños os que determinasen o lugar deste equipamento, abrindo unha votación na páxina web do Concello durante o pasado mes.

Dos máis de 40.600 sufraxios emitidos, case o 60% decantouse polo Inferniño, un 38% pola praza de Galicia e apenas un 3% pola estación de autobuses.

Do que se trata agora é de determinar o sitio exacto deste barrio no que se porá a terminal de bicicletas, cuestión que María López pechará cos representantes veciñais.

Desde o Concello considérase que O Inferniño é un emprazamento adecuado para esta instalación, debido a que se trata dunha zona de tránsito e cun elevado número de residentes.

O compromiso do goberno municipal é colocar a nova terminal a partir de setembro.

Con esta serán xa catro as existentes noutros tantos puntos da cidade: Caranza, as inmediacións da dársena de Curuxeiras, o campus universitario de Esteiro e a mencionada do Inferniño.

Así mesmo, hai que sinalar o compromiso da edila delegada de Medio Ambiente e Servizos de dotar ás praias do municipio de parking para bicicletas, co obxectivo de fomentar o uso deste medio de transporte alternativo ao coche.
O programa de Ferrol en bicicleta posto en marcha fai nove meses tivo unha gran aceptación.

Na actualidade, conta con máis de 3.000 inscritos, cifra que desde o Concello crese que aumentará considerablemente nos próximos meses, coa chegada do bo tempo.

Diario de Ferrol.-