22.4.10

CONTROL DE POMBAS, GAIVOTAS, ESTORNINOS.

Medio Ambiente activa a campaña integral de

control poboacional de gaivotas e pombas .

· O goberno local anuncia a posta en marcha dunha liña telefónica cidadá para solicitar a revisión de tellados.
>

· Un equipo formado por ornitólogos e biólogos elaborarán un censo e retirarán os niños con custe cero para os veciños

Ferrol, 21 de abril de 2010.-
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de anunciar a posta en marcha da campaña integral de control poboacional de gaivota patiamarela, do estornino pinto e da pomba doméstica. Unha campaña que se inicia dende xa coa posta a disposición dos ferroláns do teléfono 981.94.41.60 e que precisa de xeito fundamental da implicación directa da cidadanía para o seu éxito, polo que o edil de área, Rafael Fernández Beceiro, aproveitou a oportunidade para facer un chamamento neste senso e animar a toda a veciñanza a alertar telefonicamente da existencia dos nidos.
Un equipo multidisciplinar da empresa Locus Avis levará a cabo o plan estratéxico, no que a supervisión correrá a cargo dun biólogo e a execución, de ornitólogos. As accións son moi concretas: elaboración dun censo poboacional; creación dun servizo de atención cidadá e un control de nidificación. Nesta liña, apuntou que a campaña do 2009 se pechou coa revisión duns 880 tellados e unhas 288 solicitudes veciñais reclamando este servizo.

O goberno local xustificou a necesidade de activar a campaña, gratuíta para os cidadáns, nos problemas e molestias que lle acarrea á poboación de Ferrol a presencia destas tres aves, así como pola súa irrupción en lugares ata o dagora vetados como era o entorno urbano. Explica que esas molestias veñen xeradas polo excesivo ruído das aves no periodo reproductor; en malos olores; no deterioro nos materiais de construcción sobre os que se instalan, ou na perda de imaxe para a cidade, na que edificios de importante valor histórico-artístico e patrimonial son ocupados especialmente por gaivotas.

Detectados os problemas, o goberno local apunta que os obxectivos marcados están claros: minimizar as molestias; atender aos cidadáns que realicen denuncias á concellería que dirixe, dándolles a solución máis adecuada en cada momento, e informar con rigor á opinión pública dos traballos que se estean a realizar en cada momento ao abeiro do dito plan.

Para conseguilos, o responsable de Medio Ambiente do Concello de Ferrol desgranou polo miúdo as accións específicas incluídas no proxecto. En primeiro lugar, elaboraráse un censo poboacional durante a época actual de cría. Localizaránse os lugares de nidificación no casco urbano, mediante o conteo directo de individuos dende puntos elevados da cidade. E, á información obtida, se lle sumará a recabada mediante as denuncias cidadás realizadas á concellería. Para facer efectiva a participación dos veciños e veciñas de Ferrol, Rafael Fernández Beceiro anunciou que se habilita, dende hoxe mesmo, un número de teléfono para este fin: 981.944.160 (en horario de 9 a 14 horas).

Unha vez recibidas as denuncias cidadás, os técnicos encargados do control poboacional se porán en contacto cos afectados para informarlles das posibles solucións ao problema e se concertará o antes posible unha visita ao inmoble. Nos casos máis comúns de molestias causadas por gaivotas, os técnicos en manexo de fauna desenvolverán nos domicilios as labores que permitan pór fin ou minimizar a causa que as produce. Especialmente, localizar os nidos e retiralos.

Por último e durante o control da nidificación, que temporalmente se desenvolve entre maio e agosto, os técnicos acudirán aos tellados onde se reciban denuncias da presenza de aves, así como a aqueles outros que non sendo denunciados vía municipal se constate ou sospeite tal extremo. Así as cousas, coa información da localización de edificios se pasará á acción concreta.

Para concluír, o concelleiro reclamou a colaboración cidadá para levar a cabo a campaña de xeito satisfactorio e destacou a problemática que pode causar a superpoboación de gaivotas na cidade naval: suciedade, tellados en mal estado e mesmo riscos sociosanitarios. Problemática que se pode atallar coa adopción de medidas como a retirada dos niños, dos ovos ou das crías presentes neles.
ferrol.es

No hay comentarios: