27.10.06

Magosto infantil na Praza do inferniño


Estades convidados aos actos do SAMAIN que a nosa Asociación vai realizar o vindeiro LUNS-30 ás 19:00 horas dirixido aos nenos/as con seus acompañantes.

Remataremos cun MAGOSTO infantil na mesma PRAZA do INFERNIÑO acompañados das GAITAS DA FUNDAÇON ARTABRIA.



saúdos veciñais
mel sanxoan -presidente

13.10.06

Antenas de telefonía móbil do Inferniño carecen de licenza

FERROL
Antenas de telefonía móbil do Inferniño carecen de licenza
A Asociación de Veciños Ou Rosario do Inferniño fixo público un comunicado no que informa de que as antenas de telefonía móbil que están situadas nas rúas Publicista Saralegui e Belo Piñeiro-estrada de Castilla carecen de licenza municipal para a súa instalación, unha vez consultados os arquivos da oficina de licenzas do Concello.

REDACCIÓN FERROL

Así llo notificou á entidade o propio Concello nun escrito asinado polo concelleiro delegado de Urbanismo, Francisco Pita-Romero.

Á vista desta situación, a asociación convocará proximamente un encontro coas asociacións de pais de alumnos, os colexios, a comunidade de propietarios da zona e outros colectivos sociais que se consideren afectados para determinar que medidas adoptaranse para lograr que se cumpra a normativa establecida con respecto a este tipo de instalacións.

25.9.06

Entrevista co Concelleiro de Obras

ENTREVISTA CONCELLEIRO DE OBRAS .-

PALCO DE ANIMAS

PARQUE URBANO

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal O ROSARIO- INFERNIÑO, mantivo no día hoxe día 12 de set-06 unha entrevista co Concelleiro de Obras para tratar o futuro do Palco de Animas, quedando pendente unha nova reunión conxunta co Concelleiro de Urbanismo, C. de Obras cos respectivos técnicos para o vindeiro día 28 de setembro .

Ante o anuncio na prensa respecto a construción dunha PRAZA no espazo do PALCO DE ANIMAS, entre Rúa Río Seselle e Rúa Río Xubia en fase de expropiación das antigas vivendas, manifestámoslle nosa “OPOSICIÓN” porque “rompería” co entorno para o que está proxectado ademais de vulnerar o Plano Xeral de Urbanismo do Concello de Ferrol o cal pedimos que se respecte na súa totalidade de PARQUE URBANO (PU14 – PU19 ).

Desde o pasado mes de maio o Concelleiro de Obras , M. Bustabad, informounos da intención do goberno local de facer unha aparcamento a beira do Pavillón deportivo do Ensanche motivado aos desprazamentos dos clubs deportivos e a necesidade de buscar un lugar para os autobuses.

Aínda que non nos gusta este proxecto, podemos comprender a súa necesidade porque temos un edificio deportivo construído xusto no medio ante a permisividade de certas Asociacións nun espazo destinado a un PARQUE URBANO – PU-14, que trataremos o vindeiro día 28.

A nosa Asociación do Rosario- Inferniño, consultando técnicos arquitectos, urbanistas e debatendo nas diferentes Asembleas e Xuntas, manifestamos o noso desexo de respectar o Plano Xeral, IMPULSAR este plano para que PRESENTE a area de URBANISMO un PROXECTO INTEGRAL DO GRANDE PARQUE URBANO DO INFERNIÑO, VINCULANDOS AMBOS PARQUES PU-14 , PU-19.

Propoñemos un grande debate e implicación social cun CONCURSO DE IDEAS, dirixido principalmente a URBANISTAS, COLEXIO DE ARQUITECTOS e ESCOLAS DE ARQUITECTURA, TECNICOS, PLATAFORMA ARTABRA21, GRUPOS POLITICOS e axentes sociais .

Aprobamos e aplaudimos a proposta de executar unha vella demanda veciñal de poñer en marcha a URBANIZACIÓN DA RÚA RIO XUBIA E RUA RIO SESELLE , que pedimos sexan complementadas con amplas beirarrúas, sinalización, pasos de peón, bandas limitadoras de velocidade ,etc.

Remata así unha reunión que valoramos de moi positiva , esperando que a seguinte convocatoria será definitiva e para o desenvolvemento do GRANDE PARQUE URBANO DO INFERNIÑO , tan necesario en nosa cidade.

Ferrol a 12 de setembro de 2006.

O Presidente O Secretario

Asdo. Xosé M. Sanxoán Caamaño / asdo. Pedro Cachaza Pereiro

Urbanización do Palco das Ánimas

URBANIZACIÓN DO PALCO DAS ÁNIMAS


* Chámase Palco das Ánimas á zona situada entre as rúas : Río Forcadas/Illas Gabeiras con Seselle e Río Xubia con Río Sil, sendo este espacio cualificado no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ferrol como PARQUE URBANA 14.

* Preto desta zona sitúase o que o que o PXOU cualifica como PARQUE URBANO 19, que se sitúa entre a vía do tren con rúas Río Sil / Río Xubia e Río Forcadas con Manuel Belando

* As Normas do Plan Xeral de Ordenación Urbana, no que atinxe aos parques e xardíns, literalmente establece :

Art. 119. Sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres

1. Comprende os espazos destinados a zonas verdes e espazos libres en solo urbano, de núcleo rural, urbanizable e rústico. Serán de uso público e estarán destinados a parques ou a xardíns para xogo de nenos, recreo dos cidadáns e mellora do ornato público. Cando fosen de extensión inferior a 5.000 m2 terán a condicións de xardíns.

2. Estes solos deberán en xeral acondicionarse con arboredo, xardinería, sendas, elementos ornamentais e outros elementos accesorios que non ocupen máis do 5% da súa superficie. Cando a súa extensión e características o permitan admitirán instalacións descubertas para a práctica deportiva ou edificios para o ocio, o recreo e a cultura sen que a superficie ocupada por estes últimos pase do 10% do seu ámbito. Estas instalacións ou construcións serán públicas e non limitarán ou interferirán a súa calidade vexetal nin as vistas. A altura máxima de calquera tipo de edificación será de 10 metros.

Nos espazos libres previse a posibilidade de implantación de aparcamentos subterráneos públicos, nas condicións previstas nestas Normas, sen prexudica-lo uso público en superficie, nin o carácter de dominio público do solo e subsolo.

Ó sistema de espazos libres entenderanse incorporadas as praias e areais do termo municipal, onde a súa utilización, e en xeral a do dominio público marítimo terrestre, virá regulada polo disposto no Título III da "Ley de Costas".

Art. 195. Compoñentes para o deseño dos parques e xardíns

Os compoñentes básicos dos parques e xardíns son os seguintes:

a) Xogos infantís: formados por elementos de mobiliario e áreas de area.

b) Xogos de preadolescentes: formados por mobiliario, áreas de xogos non estandarizados, áreas de area e láminas de auga.

c) Xogos libres: campos de xogos ó aire libre tales coma petanca, bolos, etc.

d) Áreas de deporte non regrado, para o exercicio informal de deportes, sen requirimentos dimensionais regulamentados.

e) Áreas de plantación e axardinamento.

f) Illas de estancia, lugares acondicionados para o repouso e lecer.

g) Zonas de defensa ambiental, mediante arboredo e axardinamento para a protección de ruídos e a retención de partículas contaminantes.

Art. 196. Áreas axardinadas.

1. Segundo a súa superficie deseñaranse cos seguintes elementos:

a) Superficie non maior de douscentos cincuenta (250) metros cadrados: contará con mobiliario urbano para repouso, e árbores en alcorque.

b) superficie maior de douscentos cincuenta (250) metros cadrados, sen supera-los cincocentos (500) metros cadrados:contará con superficies axardinadas illadas e arboredo de defensa, ademais das da dimensión anterior.

c) Superficie maior de cincocentos (500) metros cadrados, sen supera-los mil cincocentos (1.500): incorporará ós elementos da dimensión anterior os xogos infantís.

d) Superficie maior de mil cincocentos (1.500) metros cadrados sen supera-los tres mil cincocentos (3.500): incorporará, ós elementos da dimensión anterior, os xogos de preadolescentes.

e) Superficie maior de tres mil cincocentos (3.500) metros cadrados sen supera-los sete mil (7.000): duplicará, sobre os elementos da dimensión anterior, os xogos infantís e os de preadolescentes, e incorporará unha área de xogos libres.

2. Sempre que a súa disposición sexa posible instalaranse puntos de auga ornamentais, láminas de auga, áreas para xogos e ocio pasivo, superficie pavimentada para xogos de rodas, e plano de area drenada.

Art. 197. Xardíns

1. Os xardíns deseñaranse dando prioridade ós elementos ornamentais e ás áreas adecuadas para a estancia das persoas.

2. Dispoñerán de xogos infantís e de preadolescentes, planos de area e auga ornamental; o seu arboredo deberá manifestar os seus eixes e perspectivas; deberá contar con cultivos de flores. Non se dispoñerá espazo para deporte, nin sequera non regulado; e non se autoriza ningunha edificación.

Art. 198. Parques urbanos

1. Os parques urbanos, manterán unha primacía da zona vexetal extensiva sobre a acondicionada mediante urbanización.

2. Poderán formarse pola combinación de calquera dos compoñentes e elementos de axardinamento, sen perde-lo carácter de zonas de ocio, repouso e mellora da salubridade e calidade ambiental.

3. Poderá dispoñerse edificación só para usos de ocio e cultura cunha ocupación máxima do dez por cento (10%) da súa superficie e sen rebasa-la altura media da árbore de "porte-tipo" das especies próximas.

4. Os parques de superficie superior a tres (3) hectáreas contarán cos seguintes elementos: xogos infantís, xogos de preadolescentes, canles e fontes ornamentais. Deberán dispoñer o seu arboredo, preferentemente, en ringleiras.

* Desta normativa despréndese que a construción dun aparcadoiro sobre superficie ou unha praza pública dentro dos límites do terreo cualificado como Parque Urbano incumpriría claramente o PXOU, polo que sería preceptiva unha modificación do PXOU de Ferrol polos trámites legais, previa a execución de calquera dos proxectos anunciados pola Concellería de Obras en diferentes medios de comunicación o pasado día 5 dos correntes.

* A Xunta Directiva da Asociación Veciñal O Rosario- Inferniño, seguindo os acordos Asemblearios, acordou informar da postura veciñal que representa aos Concelleiros de Obras e Urbanismo, responsables municipais directos da Execución e o respecto ao Plan Xeral de Ordenación Urbana, que pódese resumir nos puntos seguintes :

- Aceptamos, por necesidades do evidente fracaso dotacional deportivo que supón o Pavillón do Ensanche, a construción provisional do aparcadoiro cuxo proxecto foi entregado pola Concellería de Obras a esta Asociación Veciñal nunha reunión anterior.

- Esta aceptación ben condicionada como xa se acordara na mencionada reunión, pola PREVIA REDACCIÓN DUN PROXECTO COMPLETO DOS PARQUES URBANOS 14 E 19 DO PXOU, PROXECTO QUE DEBERÁ VINCULAR DOTACIONALMENTE AMBOS ESPAZOS, COA FINALIDADE DE CREAR UNHA ÁREA VERDE DE ESPARZEMENTO PARA XOVENES E MAIORES.

- A execución deste proxecto non ten por que ser inmediata, pero CALQUERA INVESTIMENTO QUE SE REALIZE NO ÁMBITO SINALADO, A DE RESPEITAR DITO PROXECTO, O QUE SERVIRÁ COMO GARANTÍA DE QUE ESTE IMPORTANTE ESPAZO PÚBLICO DO NOSO BARRIO NON QUEDARÁ “HIPOTECADO” PARA O FUTURO COA EXECUCIÓN DE PROXECTOS “ELECTORALISTAS” COMO O QUE SE PLANTEXA NESTE MOMENTO DENDE A CONCELLERÍA DE OBRAS.

o A non aceptación destas propostas suporía que a Asociación Veciñal que represento estaría OBLIGADA A DENUNCIAR ANTE AS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E OS TRIBUNAIS COMPETENTES a presunta ilegalidade das obras anunciadas, CONVOCANDO Á VECIÑANZA A CANTAS MOVILIZACIÓNS FOSEN NECESARIAS PARA EVITAR A ESPECULACIÓN NOS ESCASOS ESPAZOS PÚBLICOS DO BARRIO.

Ferrol, a 12 de setembro de 2006

O PRESIDENTE

asdo.- Xosé Manuel SANXOAN CAAMAÑO.

Sr. Concelleiro- Delegado de Urbanismo do Concello de Ferrol.-

Sr. Concelleiro- Delegado de Obras do Concello de Ferrol.-

Parque urbano Palco de Ánimas - Concurso-

PARQUE URBANO PALCO DE ANIMAS
- CONCURSO -

A ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO , a proposta de persoal técnico e analizados os argumentos e diferentes proxectos para este lugar , queremos manifestar que se cumpra estritamente o Plano Xeral de Ordenación Urbano de Ferrol, presentando unha serie de recomendacións complementarias para que este PARQUE URBANO dispoña de todos os elementos necesarios propios os fins deste entorno , dando a este proxecto unha prioridade de especial relevancia para o barrio.

1º .- Conexións mediante pasos de cebra investidos e outras medidas das illas verdes, primando sempre a circulación peonil á rodada.

2º .- Conexión no espato , unificar as illas en todos os eixes, unificándoas e xerando un único equipamento, integrando nas propostas o edificio existente.

3º .- Contemplar a posibilidade de cubrir a vía e desenrolar o equipamento ataa propia estación de tren.

4º .- Convocatoria dun CONCURSO DE IDEAS a nivel estudante e profesional .

5º .- Levantamento topográfico do entorno para facilitar o traballo do concurso.

6º .- Vincular á información pública na páxina do Concello.

7º .- Redacción das BASES do CONCURSO por técnicos e integrantes do tribunal.

8º .- Un tribunal conformado por maioría de técnicos/as arquitectos/as, urbanistas, ademais da pluralidade politica- social.

9º .- Divulgación do CONCURSO en Escolas e Colexios de Arquitectos.

Ferrol a 12 de Setembro de 2006.

O Presidente

asdo. Xosé M. Sanxoán Caamaño

- Sr. Concelleiro - Delegado de Obras .-

- Sr. Concelleiro - Delegado de Urbanismo .-

26.6.06

Petición Documento de cesión CENTRO CULTURAL CARVALHO CALERO

Ferrol, a 26 de xuño de 2006.

Xosé Manuel SANXOÁN CAAMAÑO, con DNI nº 32.613.638 Y, presidente da Asociación Veciñal “O Rosario – Inferniño” de Ferrol con C.I.F G70006473, rexistrada no Rexistro Autonómico de Asociacións co nº 2005/9178/1 (AC), e en representación da Xunta Directiva da mesma:

E X P Ó N :

Os Estatutos da Asociación Veciñal que preside establecen no artigo 2 que constitúen fins principais da Asociación, entre outros, a mellora moral e material do barrio, a promoción e recuperación da cultura galega en xeral, establecendo tamén no artigo 3 que para levar a cabo os seus fins poderá a asociación organizar actividades nas instalacións propias ou municipais, divulgar as artes escénicas en todas as súas facetas para o desenvolvemento da cultura cara o barrio, realizar concertos e actividades artísticas e deportivas, etc....

En coherencia cos fins da Asociación, a Xunta Directiva comprometeuse nas diferentes Asembleas abertas e Asembleas de socios a traballar na recuperación do Centro Cultural Municipal Carvalho Calero, convertendo así este espacio nun verdadeiro referente cultural do barrio, finalidade, doutra banda, para a que foi construído.

En consecuencia co anterior dende a Asociación iniciamos conversas coa Concellería de Cultura para a dinamización do Centro Cultural e, ademais, organizáronse algúns actos culturais aproveitando datas sinaladas como as Letras Galegas (teatro, musica, charlas debate, etc....).

Non obstante atopáronse algúns problemas certamente inesperados, unha parte, ou todo non se sabe ben, do Centro Cultural ten cedido o seu uso á Asociación de Veciños do Ensanche A, resultando que para levar a cabo os fins propios da Asociación que preside esta é obrigada a depender de dita asociación, unhas veces para a apertura ou peche do Centro, outras para o uso de certos espazos, que a asociación do Ensanche A ten cedidos permanentemente para o seu uso exclusivo.

A Lei 30/1992 de 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e o Procedemento Administrativo Común establece no artigo 35 que os cidadáns, nas súas relacións coas Administracións Públicas teñen os seguintes dereitos: ..h) Ao acceso aos rexistros e arquivos das Administracións Públicas nos termos previstos na Constitución e nesta ou noutras Leis.

O dereito recoñecido no artigo antes citado, ven regulado na propia Lei 30/1992 no artigo 37 titulado “do dereito de acceso a arquivos e rexistros”, e no que respecta ao presente escrito manifesta textualmente nos puntos:

1. Os cidadáns teñen dereito a acceder aos rexistros e aos documentos que, formando parte dun expediente, obren nos arquivos administrativos, calquera que sexa a forma de expresión, gráfica, sonora ou en imaxe ou no tipo de soporte material no que figuren, sempre que os ditos expedientes correspondan a procedementos terminados na data da solicitude

2. O acceso aos documentos de carácter nominativo, que sen incluír outros datos pertencentes á intimidade das persoas, figuren nos procedementos de aplicación do dereito, salvo os de carácter sancionador ou disciplinario, e que, en consideración ao seu contido, podan facerse valer para o exercicio dos dereitos dos cidadáns, poderá ser exercido, ademais de polos seus titulares, por terceiros que acrediten un interese lexítimo e directo.

8. O dereito de acceso conlevará o obter copias ou certificados dos documentos cuxo exame sexa autorizado pola Administración, previo pago, no seu caso, das exaccios que estean legalmente establecidas.

Por todo o exposto e en cumprimento do dereito ao acceso aos arquivos dese Concello, coa finalidade de poder desenrolar plenamente o mandato das Asembleas e denunciar un presunto desvío, abusivo, da utilización para o que foi creado o Centro Cultural Carvalho Calero sito na Praza do Inferninño de Ferrol :

S O L I C I T A :

Lle sexa entregada copia do convenio municipal polo que se ceden diferentes espaZos do centro Cultural Carvalho Calero a Asociación de Veciños do Ensanche A de Ferrol, o cal pode ser remitido ao domicilio da asociación veciñal que presido, rúa Río Lérez nº 2-4, 2º esquerda, C.P. 15404, Ferrol, ou ben notificándollo telefonicamente para que sexa recollido nesas dependencias ao teléfono 649024612

Asdo . Xosé Manuel SANXOAN CAAMAÑO

SR ALCALDE – PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL.

(Concellería Delegada de Patrimonio / Concellería Delegada de Cultura)

25.6.05

Estatutos

Estatutos da Asociación Veciñal "O ROSARIO-INFERNIÑO"



CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL


Artigo 1º.- A entidade veciñal regulada polos presentes estatutos , adoptará o nome de Asociación Veciñal “O ROSARIO – INFERNIÑO “ do Ensanche A de Ferrol, en adiante A. veciñal O Rosario – Inferniño constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que terá o seu ámbito de actuación territorial coñecido histórica e popularmente como o lugar do Inferniño, no barrio do Rosario, entre Avenida da Paz e rúa Manuel Belando; Estrada de Castela e a vía do tren, límite con Sta. Mariña.

A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable ademais dun regulamento de réxime interno.

A A.veciñal O Rosario - Inferniño ten personalidade xurídica propia para cumprir as súas finalidades, para rexer os seus bens e para exercer os seus dereitos.


Artigo 2º.- Son fins principais da Asociación:

1.- A mellora moral e material do barrio, fomentando a IGUALDADE e SOLIDARIEDADE nunha sociedade LIBRE, DEMOCRÁTICA e PLURAL.

a) A Asociación veciñal O Rosario - Inferniño, será totalmente aconfesional sen ningunha vocación ou connotación relixiosa.

b) A Asociación veciñal “O Rosario - Inferniño, será allea as organizacións políticas e sindicais, aplicando súa propia política veciñal independente.

Manterá nosa entidade contactos periódicos cos axentes sociais, partidos políticos, sindicatos, Federacións veciñais, representantes do pobo, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, etc, desenvolvendo así políticas veciñais activas nas diferentes Areas ou Mesas Sectoriais, Consellos de Distrito e de Participación Cidadán .

2.- A creación dos servizos sociais necesarios na comunidade con atención especial:

a) Atención ás PERSOAS MAIORES.

b) Servizos en relación ca MULLER.

c) A XUVENTUDE e a INFANCIA, facendo políticas educativas, deportivas e de prevención.

d) Colaborar cos Servizos Sociais municipais na integración dos INMIGRANTES.

c) Calquera actuación en atención das persoas máis desfavorecidas.

d) O asesoramento xurídico aos socios –as ou colectivos do barrio, ademais do amparo de nosa asociación ante posibles abusos dalgunha administración.

3.- A promoción e recuperación da CULTURA GALEGA en xeral e súa etnoloxía.

4.- A defensa dos intereses xerais dos veciños e o desenvolvemento dos valores de convivencia, tendentes á aparición dos lazos sociais e de solidariedade humana.

5.- A defensa do PATRIMONIO NATURAL, -MEDIOAMBIENTAL, ARQUITECTONICO.

a) Salvagarda do PARQUES E XARDINS, no concreto a Praza do Inferniño, Río do Tronco, Palco de Animas , etc., favorecendo a aparición de parques públicos, e OUTROS ESPAZOS se así o demandan colectivos veciñais.

b) Mellora do entorno na vías do tren.

c) Denuncia da contaminación acústica que causen molestias aos veciños.

d) Denuncia da contaminación alumínica.

e) Denuncia das empresas e comunidades de veciños que permitan as antenas de telefonía móbil nas areas próximas a parques públicos , colexios ou calquera outra forma de contaminación electromagnética.

f) Cooperar na defensa da Ría de Ferrol, súas ribeiras e entorno, cumprindo coa obriga de boa VICIÑANZA na salvagarda de nosa RÍA.

g) Denunciar a aquelas empresas que causen danos importantes no medio ambiente, prexudicando na calidade de vida dos cidadáns.

h) O coidado da ARQUITECTURA e edificios históricos ademais da conservación das fachadas por parte das comunidades de propietarios.

6 .- Ter cubertas as necesidades educativas no barrio, colaborando coas ANPAS e comunidade educativa.

7 .- Defender unha Sanidade pública e de calidade.

8 .- Impulsar as distintas areas de Participación Cidadá.

9 .- Aceptar as recomendacións das conclusións AXENDA LOCAL 21.


Artigo 3º.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación:

1.- Organizar actividades nas instalacións propias e municipais no barrio.

2.- A divulgación das ARTES ESCENICAS en todas súas facetas para o desenvolvemento da CULTURA cara o barrio.

a) Fomentando o TEATRO entre os veciños / as.

b) O fomento do DEPORTE e a recuperación dos XOGOS TRADICIONAIS E POPULARES como son A Chave, A Rá Birlos, Billarda, Petanca, Soga_tira ... etc.

c) Respectar as tradicións galegas celebrando en tempo OS MAIOS , NOITE DO SAN XOAN, O SAMAIN, MAGOSTO, LETRAS GALEGAS, MUSICA FOLC GALEGA ou CELTA, MÚSICA TRADICIONAL, etc.

3 .- As diferentes manifestacións, concertos e actividades artísticas e deportivas.

4 .- A consecución de Garderías, ludotecas infantís, bibliotecas, etc.

5 .-Cooperación na solución dos problemas de vivendas, urbanización do lugar, loitando contra a especulación do solo, defendendo o patrimonio público.

6 .- A reivindicación constante dunha maior participación cidadá , actuando a A.veciñal O Rosario - Inferniño no seu dereito de exercer a presión social necesaria na consecución e defensa dos logros sociais e veciñais máis xustas.

Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase ós devanditos fins a actividades culturais e sociais , mediante a programación anual, exceptuándose as doazóns efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación , tendo prioridade os /as socios/as.


Artigo 4º.- O domicilio principal
[1] e permanente da Asociación radicará na localidade de Ferrol , en principio na Rúa Río Lérez, nº 2 – 4 , 2º Esquerda , CP 15404 , podendo utilizar outros locais asociativos adicionais dentro do barrio, mediante acordo da Xunta Directiva e Asemblea Xeral, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións.


Artigo 5º.- A Asociación en funcións dos seus fins e do sitio do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito local da Comunidade Autónoma de Galicia, exercendo a lingua galega como propia en todos os actos oficiais, documentación, comunicación, etc.


Artigo 6º.- A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.



CAPÍTULO II
DOS SOCIOS


Artigo 7º.- Poderán ser integrantes da Asociación tódalas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que posúan o seu domicilio anual ou parcial, no barrio do Rosario e o soliciten voluntariamente así coma aqueles que exerzan súa actividade profesional e laboral.

Tamén poderán ser socios/as de adhesión aquelas persoas que, non tendo esta residencia simpatizaren cos fins da Asociación e se sometan ó contido destes Estatutos.


Artigo 8º.- Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:

a) Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.

b) Numerarios, aquelas persoas do barrio que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.

Tamén adquirirán esta condición de Socios numerarios aquelas persoas que vivan nas proximidades e fagan vida habitual no barrio.

c) Honra, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.

d ) Xuvenís, aqueles socios /as menores non emancipados de máis de catorce anos e fagan propostas de actividades propias da mocidade.

e) Adhesión, segundo o artigo 7.a, con voz mais sen voto.


Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

a) Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

b) Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.

c) Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.

d) Gozar de toda as vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.

e) Ter copia destes Estatutos.

f) Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.

g) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

h) Facer suxerencias ós membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.

i) Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todo os anos , así como o desenvolvemento da súa actividade.

j) A impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estimen contrarios á lei ou aos estatutos.


Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:

a) Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.

b) Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.

c) Asistir nas posibilidades ás Asembleas Xerais.

d) Satisfacer as cotas que se establezan.

e) Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.


Artigo 11º.- Os asociados e asociadas de honra ou socios/as menores de idade non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.


Artigo 12º.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante e se acompañará unha credencial da identidade do solicitante.


Artigo 13º.- A condición de asociado pérdese:

a) Por vontade propia.

b) Por falta de pagamento continuado nas cotas equivalentes a unha anualidade.

c) Por realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación.

d) Por expediente disciplinario.


Artigo 14º.- A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade dun/unha asociado/a, este/a deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento das cotas que teña pendentes.


Artigo 15º.- Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.

A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun asociado cando estea tramitando un expediente sancionador, ou concorran causas xustificados que o aconsellen, tales como o atraso continuado no pagamento dalgunha cota , ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.



CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN


Artigo 16º.- A dirección e administración da Asociación serán exercidas pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.


Artigo 17º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre es socios e a súa duración renovarase cada 2 anos.


Artigo 18º.- A Xunta Directiva estará formada por un Presidente ou Presidenta , un Vicepresidente ou Vicepresidenta, un Secretario ou Secretaria, un vicesecretario/a, un Tesoureiro /a e tres vogais como mínimo.


Artigo 19º.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 2 anos, podendo ser obxecto de reeleccións indefinidamente.

Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade cada ano. Na primeira quenda serán renovados o Secretario/a, Vicepresidente/a, o Tesoureiro/a e os vogais pares e na segunda quenda, o ano seguinte, o Presidente/a, Vicesecretario/a e os vogais impares.

O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Será incompatible á pertenza na Xunta Directiva co feito de seren cargos de responsabilidade política ou cargos orgánicos de relevancia pública, analizando cada caso os órganos representativos da Asociación.


Artigo 20º.- É función da Xunta Directiva :

a) Programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación.

b) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

c) Procederá a convocar e fixar a data da Asemblea Xeral por medio do presidente.

e) Facer a Orde do día das Asembleas Xerais.

f) Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.

g) Designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.

h) Dictar normas internas de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

i) Corresponderalle tamén todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.


Artigo 21º.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións de xeito habitual e cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente/a e, na súa ausencia, polo Vicepresidente/a ou o Secretario/a, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña mais idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia polo menos, de 2/3 dos seus membros, sendo necesaria a presenza do Presidente ou vicepresidente, Secretario ou persoa en funcións do mesmo. No caso de empate decidirá o voto do Presidente/a.

O Secretario/a ou , no seu defecto, o Vicepresidente/a levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.


Artigo 22º.- Os membros e vogais da Xunta Directiva serán responsables das comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recabar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos responsables.

Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Poderán nomearse DELEGADOS DE ZONA OU AREA, cando así o acorden os órganos da Asociación, tendo a misión de informar e coordinar nos temas que afectan ó barrio.


Artigo 23º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o máximo órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todo os integrantes da mesma. O Presidente/a e o Secretario /a da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.


Artigo 24º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o presidente, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente/a, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.


Artigo 25º.- A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano e preferentemente no primeiro trimestre de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

As notificacións farase nos locais da Asociación , domicilio dos socios/as e notas en prensa para as Asembleas Ordinarias e Asembleas extraordinarias.


Artigo 26º.- Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

a) Aprobar a acta da Asemblea anterior.

b) Aprobar o plan de actividades.

c) Examinar e aprobar a memoria de actividades.

d) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

e) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

f) -Exame e aprobación das cotas de socios/as.


Artigo 27º.- Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

a) Modificar os Estatutos da Asociación (2/3 dos socios /as ).

b) Elixir os integrantes da Xunta Directiva.

c) Aprobar a federación con outras Asociacións.

d) Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

e) Acordar a disolución da Asociación ( 2/3).

f) Designar os/as liquidadores /as.

g) Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva (2/3).

h) Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.

i) Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.

j) As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera a súa convocatoria , sen grave prexuízo para a Asociación.

k)Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.


Artigo 28º.- Para que as asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade mais un do total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.


Artigo 29º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados “a”, “e”, “g” do artigo 27, que requirirán maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas e asinará o/a Presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría.


Artigo 30º.- Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a todo os/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións se abrirán cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente o Secretario/a procederá a ler a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados todo os asuntos da orde do día se procederá a facer unha quenda de rogos e preguntas, adopción de acordos e se levantará a sesión por parte do Presidente /a.


Artigo 31º.- Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.


Artigo 32º.- O Presidente/a da Xunta Directiva terá , ademais das facultades consignadas no artigo 17º, as seguintes atribucións:

a) Presidir , levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.

b) Propoñer xunto a Xunta Directiva, o plan de actividades da asociación impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordenar os pagamentos acordados validamente.

d) Representar a Asociación perante calquera organismo público ou privado.

e) Asinar as actas, certificados, convocatorias , pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario, tesoureiro ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

f ) Cumprir a facer cumprir os acordos dos órganos de goberno.

O Presidente/a será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que, ademais, substituiralle nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.


Artigo 33º.- O Secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Corresponderalle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.

O Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da asociación nun libro establecido ó efecto.

O Vice- secretario asumirá a súas funcións en ausencia do Secretario ou por delegación axudará nesta función.


Artigo 34º.- O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, participan en tódalas operacións de orde económico.

O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a dispor dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Poderá nomearse un Vice – Tesoureiro para cubrir ás funcións do Tesoureiro por ausencia.

Artigo 35º.- Os Vogais no número que determine a Asemblea Xeral terán as seguintes atribucións:

a) Realizar programas e propostas na súa área de actuación.

b) Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.



CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO


Artigo 36º.- A Asociación no momento de iniciar as súas actividades non dispón de patrimonio. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.


Artigo 37º.- A Asociación funcionará en réxime de orzamento anual. O borrador de orzamentos será elaborado polo Tesoureiro/a da Asociación, que deberá telo preparado antes do primeiro día de xaneiro de cada ano, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.


Artigo 38º.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:

a) As cotas periódicas dos/as asociados /as.

b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.

d) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.

e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.


Artigo 39º.- As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva non sendo reintegrables en caso algún, adicando a atender as necesidades da Asociación.


Artigo 40º.- Anualmente con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria , que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.


Artigo 41º.- Anualmente no tempo que establece o artigo 25 será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.


Artigo 42º.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente, Vicepresidente e o Tesoureiro/a, para a utilización conxunta deles.


Artigo 43º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.



CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO


Artigo 44º.- O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.



CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN


Artigo 45º.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou ¼ dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para calquera socio/a poida se dirixir á Secretaria as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.


Artigo 46º.- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral de socios.


Artigo 47º.- A Asociación disolverase polas seguintes causas:

a) Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos/as.

b) Por outras causas determinadas legalmente.

c) Por sentencia xudicial.


Artigo 48º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a Presidente/a e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.


Artigo 49º.- O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.



_______________

Xosé Manuel Sanxoán Caamaño con DNI. 32 613 638 Y , enderezo na rúa Río Lérez, nº 2 – 4 , 2º Esq., CP. 15404 da localidade e Concello de Ferrol, actuando de Secretario da Asemblea
Fundacional da Asociación Veciñal “ O Rosario – Inferniño “


C E R T I F I C A ;


Que os presentes ESTATUTOS foron lidos na Asemblea Constituínte de data de 25 de Xuño de 2005

segundo dispón a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo , reguladora do Dereito de Asociación, sendo aprobados

por unanimidade dos asistentes .

Na mesma Asemblea nomeouse unha Xunta directiva , segundo consta na Acta Fundacional.

Acordouse tamén aprobar ás contías das cotas ordinarias dos socios/as na cantidade de 3,50 € ao trimestre.

Acordouse facer xestións coa Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol para a consecución dun LOCAL SOCIAL, concretamente o baixo do antigo INEM , na rúa Deporte para o desenvolvemento de nosas actividades.

E sen máis que tratar , levántase a sesión ás 13 15 horas , en Ferrol a 25 de XUÑO de 2005.

O Presidente da Asemblea
Javier Sánchez García
DNI. 32.646.131 T

O Secretario da Asemblea
Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
DNI. 32.613.638 Y

1º Vogal
Xesús Toja Suárez
DNI.32.652.365 R

2º Vogal
Miguel A. Castro Campos
DNI.32.608.629

_________________________

OUTRA DISPOSICIÓN .-
Nomeamento da XUNTA DIRECTIVA –

Unha vez aprobados os ESTATUTOS por unanimidade, procede esta ASEMBLEA FUNDACIONAL a nomear unha XUNTA DIRECTIVA, coa encomenda de xestionar a Asociación Veciñal “O Rosario – Inferniño” , segundo os estatutos e a lei de asociacións 1/2002, asinando a conformidade e aceptación .

Presidente : D. Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
DNI nº 32.613.638 Y

Vicepresidente : D. Javier Sánchez García
DNI nº 32 646 131 T

Secretario : D. Xesús Toja Suárez
DNI nº 32.652.365 R

Tesoureiro : D. José M. García Ramos
DNI nº 32.633.167 P

Vogais pares

D. Miguel Castro Campos
DNI. 32.608.629 B

Dª Mercedes Salvatierra Ventura
DNI. 33.389.535 K

D. José Serantes Castaño
DNI. 32.564.353 E


Vogais impares

D. Álvaro Montes Celeiro
DNI. 32.671.155 T

Dª. Tomasina Rozas Romo
DNI. 08.044.409 K

D. Francisco Zurita Raya
DNI. 30.528.023 P

D. Juan Amor Couto
DNI. 32.632.558


En Ferrol, Praza do Inferniño , a 25 de Xuño de 2005 .
_______________________
[1] No caso de utilizar un local social doutra titularidade terá que acreditar autorización de uso correspondente e debidamente asinado.