27.11.06

Convocatoria da manifestación do domingo, 3 de Decembro, en defensa dos espazos públicos.


Escoita a convocatoria
¿ Por que nos manifestamos ?

Para a defensa dos espazos públicos, do patrimonio urbanístico-cultural, do medio ambiente e contra a especulación urbanística. En concreto a mobilización cidadán quere denunciar a inxusta e ilegal usurpación que se está cometendo na Praza da Porta Nova [Praza de España]; manifestámonos para mostrar o noso desacordo, coa construción dun macro-edificio, nunha zona calificada no PXOM [Plano Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol] como Sistema Xeral Viario, é dicir vías de dominio e uso público. O macro-edificio, proxectado para a Praza, é de cinco plantas, dúas soterradas e tres de superficie, cunha altura de 21 metros e case 7.500 m2 de superficie comercial e de servizos privados, incluíndo a concesión do mesmo a unha empresa privada durante 75 anos. En xeral ímonos manifestar contra a actuación do goberno municipal neste asunto e para demandar a paralización das obras.

NA DEFENSA DOS ESPAZOS PÚBLICOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DA PRAZA !!

LIBREMOS AO PATRIMONIO PÚBLICO DA ESPECULACIÓN, FEÍSMOS E CHAPUZAS !!

CONTRA A ESPECULACIÓN URBANÍSTICA, NON AO MACRO-EDICIFIO COMERCIAL !!

SI AOS ESPAZOS PÚBLICOS ABERTOS PARA USO E GOZO DE TODA A CIDADANÍA !!


DEFENDAMOS OS NOSOS DEREITOS !!

DEFENDAMOS OS NOSOS BARRIOS !!

OUTRA ORDENACIÓN DO TERRITORIO, OUTRO URBANISMO É POSÍBEL !!

PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN POPULAR !!

Convocan:

Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga",
Asociación Veciñal de Ferrol-Vello,
Asociación Veciñal de Santa Mariña,
Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón,
Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido,
Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño",
Asociación San Fernando de Recimil,
Asociación Cultural Fuco Buxán,
Centro Comercial Aberto da Magdalena,
CC.OO Ferrol,
Colectivo Veciñal Sartaña,
Esquerda Unida - IU,
Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra,
Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol,
NÓS - Unidade Popular,
Plataforma Ártabra 21,
UGT-Ferrol.

14.11.06

O secretario municipal require varios informes sobre a xestión do Centro Comercial Porta Nova

Noticia publicada no Diario de Ferrol Ferrol, 14 de novembro de 2006

O secretario municipal require varios informes sobre a xestión de Porta Nova Ante as queixas formuladas pola Asociación Vecinal O Rosario-Inferniño sobre presuntos incumplimientos por parte dos responsables da concesión para a explotación do centro comercial Porta Nova, o secretario xeral do Concello solicita a revisión dalgúns aspectos.



REDACCIÓN FERROL

O pasado 12 de setembro a Asociación Vecinal O Rosario-Inferniño presentou un escrito ante a secretaría xeral do Concello denunciando presuntos incumprimientos por parte do responsable da concesión do centro comercial ­Ferrolterra Superficies Comerciais S.L­ no relativo ao pliego de condicións. Os veciños poñían en dúbida o correcto estado e salubridade das instalacións do centro, denunciando, en concreto, un mal estado das torres de refrixeración, o mal funcionamento, mantemento e xestión do centro comercial, a falta dunha guardería e a utilización do local, supuestamente destinado a este servizo, por parte do cocesionario como explotación mercantil. No escrito remitido ao Concello tamén facían alusión a un exceso de locais baleiros, algo que para os veciños non favorece o cumprimento da finalidade desta entidade comercial.

Desde a secretaría do Concello entenden que as cuestións suscitadas afectan a diversas áreas municipais e non só á concejalía de Facenda e Patrimonio, á que se lle remitiron as queixas.

No documento especifícase a remisión das denuncias presentadas pola Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño ao negociado de Sanidade e á gerencia de Urbanismo, órganos competentes nas materias denunciadas.

Desde o Consistorio cualifican de incuestionable a cláusula 1.2 do pliego de condicións ­que fai alusión á guardería­ no que se regula a contratación e establécese a obrigación por parte do concesionario de afectar 250 m2 de superficie edificable sobre rasante a un centro de ensino, preescolar ou guardería. Unha obrigación, indican desde a secretaría xeral, cuxo cumprimento corresponde ao concesionario, con independencia de se o é pola adjudicación inicial feita pola administración concedente, ou por unha cesión posterior ao seu favor da mesma.

O secretario municipal tamén destaca no seu escrito, remitido tanto aos veciños como á empresa concesionaria, que se resulta certo que o espazo sobre rasante de 250 m2 destinados á guardería foi cedido mediante contrato a unha terceira entidade, ese documento adoece dun defecto insubsanable ó versar sobre un obxecto do que ou concesionario carecería de eficacia, correspondendo ó concesionario a lexitimación activa non exercicio de accións necesarias .

Deste xeito, a secretaría do Concello insta á empresa concesionaria Ferrolterra Superficies Comerciais S.L a que no prazo de dez días presente unha escritura pública relativa á cesión do espazo ­no que se sitúa unha pista de excalextric­ correspondente ao Concello de Ferrol á empresa Ferrovial-Agroman SA así como o acordo plenario no que se autoriza dita cesión.

13.11.06

Denuncia Camión Praza do Inferniño

Ferrol a 13 de novembro de 2006 .-


A Asociación Veciñal O ROSARIO – INFERNIÑO, diríxese a Vde coa finalidade de comunicarlle a presencia no interior da praza do Inferniño, máis concretamente na zona onde esta situado o palco, fronte ós bancos para repouso das persoas, dun CAMIÓN MARCA VOLVO FL6 TURBO, CON MATRÍCULA OR-8078-K, QUE SERVE COMO SOPORTE DUNHA ATRACCIÓN INFANTIL DE FEIRA CHAMADA “PISTA AMERICANA”

Este camión atópase nese lugar dende o martes día 7 deste mes, parecendo que os propietarios teñen prevista a súa permanencia no dito lugar por un período prolongado de tempo e como queira que os veciños usuarios deste espazo, principalmente persoas maiores, manifestaron a esta Asociación a súa desconformidade coa situación desta atracción, opinión que esta Xunta Directiva comparte plenamente, xa que non parece o interior dunha praza o lugar apropiado de estacionamento dun vehículo, é polo que:

S O L I C I T A M O S ;

1º - Control do Concello e información a esta Asociación se os propietarios da citada atracción teñen o correspondente permiso para realizar dita actividade económica na praza do Inferniño, e de ser así o lugar exacto da praza onde se pode realizar.

2º.- Se existira licenza municipal ó respecto, ESIXIR ós responsables municipais a colocación desa atracción nun lugar axeitado, onde permita que os cidadáns podan disfrutar dun espazo público que, doutra banda, xa se atopa suficientemente degradado


O Presidente



asdo. Xosé Manuel Sanxoán Caamaño


- SR. ALCALDE- PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL .-

- SR CONCELLEIRO – DELEGADO DE SEGURIDADE .-

- SR CONCELLEIRO DELEGADO DE FACENDA E PATRIMONIO.-

- SR CONCELLEIRO DELEGADO DE PARQUES, XARDINS E SERVICIOS.-